PRISM

From Meta, a Wikimedia project coordination wiki
This page is a translated version of the page PRISM and the translation is 94% complete.
Outdated translations are marked like this.

PRISM, a vixilancia gobernamental e a Wikimedia: Solicitude de comentarios da comunidade

A pasada semana, os xornais publicaron información sobre un programa de vixilancia na internet denominado PRISM[1] levado a cabo polo goberno estadounidense, que supostamente permite ao goberno estadounidense recoller directamente información persoal dos servidores de certos provedores de servizos situados nos EUA.[2] A maioría dos provedores de servizos que están supostamente involucrados negaron a súa participación no PRISM,[3] mais o presidente Obama parece que confirmou e defendeu a existencia do programa.

Existen incertezas e preguntas abertas sobre a natureza e alcance do PRISM. Estes informes públicos, e os conflitos entre eles, levantaron preocupacións na comunidade da Wikimedia, incluída a Fundación Wikimedia.

Onde nos atopamos

A Fundación Wikimedia non recibiu solicitudes ou ordes legais de participar no PRISM, de cumprir co Foreign Intelligence Surveillance Act (FISA) ou de participar en ou de facilitar ningún programa secreto de vixilancia. Nós tampouco "modificamos" os nosos sistemas para facer a vixilancia do goberno máis fácil, como é o caso dalgún provedor de servizos segundo publicou o New York Times.[4]

Por que nos preocupamos

A liberdade de expresión e o acceso á información son valores fundamentais da Wikimedia. Estes valores poden verse comprometidos pola vixilancia: os editores e os lectores teñen comprensiblemente menos interese en escribir e informarse honesta e libremente. Simplificando, "o dereito á protección de datos é necesario para a liberdade intelectual".

Ademais, mentres que o PRISM é un programa gobernamental dos EUA, a natureza global do tráfico da internet e o presunto intercambio de información de vixilancia entre os gobernos significan que os usuarios da internet están potencialmente afectados. Debido a isto, sentimos a obriga de que a nosa comunidade global de colaboradores e lectores entenda este problema (e, se é posible, dea unha resposta).

Consulta e acción

Debido ás numerosas preguntas abertas sobre o PRISM e á enorme importancia deste problema en relación aos nosos valores fundamentais, estimamos oportuna a consulta coa comunidade da Wikimedia para debater os pasos a seguir.[5] Na nosa opinión, os gobernos deben ser transparentes coa xente. Esta transparencia é esencial para a nosa capacidade (e a doutras organizacións similares) de determinar se un desafío legal ou constitucional é axeitado nun caso coma este.

Mozilla, a Electronic Frontier Foundation, a Free Software Foundation e o Center for Democracy and Technology, entre outros, comezaron a traballar xuntos en relación a este asunto. Empezaron a preparar unha carta aberta ao Congreso dos EUA pedindo transparencia, investigación, reformas e responsabilidades, e instan á xente e a outras organizacións interesadas (como a Fundación Wikimedia) a que se unan a eles.

Segundo a nosa visión, temos un papel importante para axudar a garantir a protección da expresión e o acceso libres á información, dado que incumben a nosa misión. En consecuencia, cremos que a Fundación Wikimedia debe colaborar con estas organización, e posiblemente outras, e sumarse ao seu esforzo para esixir responsabilidades ao goberno e unha explicación dos programas de vixilancia na internet.

Dito isto, queremos saber a opinión que vostede ten sobre estes temas antes de levar a cabo acción ningunha. Debemos unirnos a estas organizacións nas súas declaracións públicas e esforzos, dado que gardan relación cos valores e a misión da comunidade da Wikimedia? Por favor, deixe a súa opinión na páxina de conversa. Teremos en consideración todos os comentarios, pero, dado que os acontecementos ocorren rapidamente, deberemos tomar unha decisión sobre isto, como moi tarde, o 21 de xuño de 2013.[6]

Notas

  1. Os xornais The Washington Post e The Guardian revelaron a información o 6 de xuño.
  2. Un informe preliminar afirmaba a notable amplitude de datos accesibles a través do programa. Desde entón, CNET informou, porén, de que o programa involucra, polo menos, algún proceso formalizado e particularizado.
  3. TechCrunch publicou as negacións de oito organizacións supostamente involucradas.
  4. A vixilancia é posible sen a nosa cooperación. En consecuencia, os axexos no tráfico xeral da internet por parte dos gobernos ou outros pode afectar aos nosos colaboradores e lectores. Para axudar a bloquear isto, xa se pode acceder aos sitios da Wikimedia a través de HTTPS e é posible instalar HTTPS Everywhere para facer isto predeterminado. Estamos traballando para que o protocolo HTTPS sexa a opción por defecto para os lectores e os usuarios rexistrados sen a necesidade de instalar unha extensión. As actualizacións han publicarse no noso blogue de enxeñaría.
  5. Como vostede pode saber, a comunidade da Wikimedia traballou coa Fundación Wikimedia para elaborar unha política sobre a asociación da Fundación con certos asuntos políticos. Aplícase cando, entre outras cousas, a Fundación Wikimedia busca a colaboración con outras organizacións para levar a cabo accións nunha cuestión política en particular. Baixo esta política, tomamos moito en consideración a consulta á comunidade.
  6. Esta proposta pretende unicamente determinar a participación da Fundación Wikimedia e non pretende restrinxir as accións que o resto de wikimedistas poida realizar polos seus propios medios.