Jump to content

Norma de protección de datos/Emendas propostas

From Meta, a Wikimedia project coordination wiki
This page is a translated version of the page Privacy policy/Proposed Revisions and the translation is 100% complete.

(Note: This started off as an exact copy of the current policy as of 2014-05-20T12:13:26.)

Este é un anteproxecto da norma de protección de datos para que nos deas a túa opinión. A vixente norma de protección de datos pódela consultar aquí.
Contents

Introdución

Recibe a nosa benvida!

O movemento Wikimedia baséase nun principio simple, mais poderoso: podemos facer máis xuntos do que calquera de nós podería facer só. Non podemos traballar colectivamente sen recompilar, compartir e analizar información sobre os nosos usuarios, se queremos dar con novos xeitos de facer os nosos webs máis sinxelos de usar, seguros e beneficiosos.

Cremos que a recollida de información e o uso desa información teñen que ir levados da man pola transparencia. Esta norma de protección de datos explica como a Fundación Wikimedia, a organización sen fin de lucro que acolle os webs da Wikimedia como a Wikipedia, apaña, emprega e comparte os datos que recibimos de ti por usares os webs da Wikimedia. É crucial que entendas que, ao usares calquera dos webs da Wikimedia, aceptas que recollamos, transfiramos, procesemos, gardemos divulgamos e empreguemos a túa información nos termos que se describen nesta norma de protección de datos. Por iso é tan importante que leas a norma con moito ollo.

Coidamos que non deberías ter que dar datos persoais teus para participares nun movemento de coñecemento libre. Non tes que dar darnos o nome real, nin o enderezo, nin a dara de nacemento, nin nada parecido para creares unha conta estándar ou para faceres edicións no contido dos webs de Wikimedia.

Non vendemos nin alugamos os teus datos persoais, nin llelos damos a outros para que che vendan algo. Usámolos para ver de facer que os webs da Wikimedia sexan máis interesantes e accesibles, para coñecer qué propostas funcionan e cales non, e para que contribuír aos webs e aprender neles resulte máis divertido. Noutras palabras, empregamos esta información para facer que os webs da Wikimedia sexan mellores para ti.

Despois de todo, son persoas coma ti, defensoras e promotoras do coñecemento libre, as que fan posible que os proxectos da Wikimedia non só existan, senón que tamén medren e prosperen.

Definicións

Todas as persoas (non só os e as avogadas) deberían poder entender facilmente como e por que recollemos e empregamos os teus datos. Por iso imos utilizar unha linguaxe sinxela e sen termos demasiado formais ao longo desta norma. Para estarmos seguros de que se comprenden algúns termos chave en particular, velaquí hai unha táboa coas traducións:

Ben sabemos que só unha pequena minoría está familiarizada con termos técnicos como "píxeles de rastrexo" e "rastros" usados na norma de protección de datos. Tanto se dás os primeiros pasos na terminoloxía sobre a protección de datos como se xa es un ou unha experta que só queres acordar os coñecementos, o noso Glosario de termos chave pode serche útil.

O que esta norma de protección de datos cobre e o que non.

Agás nos casos explicados embaixo, esta norma de protección de datos refírese á adquisición e ao tratamento dos datos que, sobre ti, recibimos como resultado de usares algún dos proxectos da Wikimedia. Esta norma aplícase tamén a calquera información que recibamos dos nosos colaboradores ou de terceiros. Para entender máis sobre o que cobre esta norma de protección de datos, bótalle un ollo ao texto que vai a continuación.

Exemplos do que cobre esta norma de protección de datos

Para que non quede dúbida, esta norma de protección de datos cobre, independentemente da lingua en que estean:

  • Todos os nosos grandes proxectos (véxase a lista dos proxectos principais), como a Wikipedia, incluídas as páxinas de usuario, as páxinas de conversa e os taboleiros de avisos.
  • Os nosos blogs e as nosas interfaces de programación (APIs), non sendo que xa exista unha norma de seu para eses servizos.
  • As nosas webs para móbiles e aplicacións, que podes consultar na nosa listaxe oficial.
  • Os correos electrónicos, as mensaxes SMS e os avisos que che enviemos ou que nos envíes.

Esta norma de protección de datos, porén, non cobre algunhas situacións en que podemos recoller ou procesar información. Por exemplo, algúns usos poden estar cubertos por normas propias de protección de datos (como a da tenda da Wikimedia) ou noutros casos trátase de webs ou servizos xestionados por terceiros (como os proxectos de desenvolvedores nos servizos na nube da Wikimedia). Para entender máis sobre o que non cobre esta norma de protección de datos, le o texto que vén a continuación.

Cando as normas das comunidades rexan os datos persoais, como a norma relativa aos verificadores de usuarios, cada comunidade pode engadirlles regras e obrigas ás que xa se establecen nesta norma. Non obstante, non se poden crear excepcións novas nin reducir o limiar de protección que ofrece esta norma.

Uso da información

Tipos de información que recibimos de ti, como a obtemos e como a usamos.

As túas contribucións públicas

Os webs da Wikimedia creáronse sobre todo para axudarte a que compartas o teu coñecemento co mundo, e divulgamos as túas contribucións porque é o que nos pediches que fixésemos.

Cando fas unha contribución en calquera proxecto da Wikimedia, incluídas as páxinas de usuario ou as de conversa, estás a deixar un rexistro permanente e público de cada cachiño do contido que engades, borras ou editas. O histórico da páxina ha mostrar cando fixeches o engadido ou o borrado, así como tamén o teu nome de usuario (se estás rexistrado) ou o teu enderezo IP (se non o estás). Podemos empregar as túas contribucións públicas, xa sexa de xeito agregado xunto coas colaboracións doutras persoas ou de forma individual, para crear para ti novas funcionalidades ou produtos baseados en datos, ou para descubrir como se empregan os proxectos da Wikimedia.

Non sendo que esta norma sinale o contrario, debes contar con que os datos que lles achegas aos proxectos da Wikimedia, incluíndo os teus datos persoais, son públicos, están á vista de calquera e poden atoparse mediante motores de busca. Como a maioría do que hai na internet, calquera cousa que compartas pode ser copiada e divulgada de novo na rede por outras persoas. Por favor, non publiques información que prefiras que non quede pública para sempre, coma o teu nome real ou o lugar en que resides, nas túas edicións.

Debes ter presente que os datos específicos que publicas ti ou os datos agregados que publicamos nós poden ser utilizados por calquera para analizalos e para inferir outros datos das persoas usuarias, como o país de procedencia, as afiliacións políticas ou o xénero.

Información sobre a conta e rexistro

Queres crear unha conta? Boa idea! Non queres crear unha conta? Pois ben tamén!

Non é necesario que crees unha conta para ler ou colaborar nos proxectos da Wikimedia, agás nalgunha circunstancia pouco frecuente. Con todo, leva conta de que se fas achegas sen te rexistrar as túas contribucións hanse ligar publicamente co enderezo IP asociado ao teu dispositivo.

Se queres crear unha conta estándar, na maioría dos casos unicamente necesitamos un nome de usuario e un contrasinal. O teu nome de usuario vai estar á vista de todo o mundo, así que vai con ollo e matina se queres usar o teu nome verdadeiro como nome de usuario. O teu enderezo IP tamén nos chega de maneira automática, e gardámolo durante un tempo para evitar abusos. Non cómpre ningún dato persoal máis: nin nome, nin correo electrónico, nin data de nacemento, nin datos da túa tarxeta de crédito.

Unha vez creadas, as contas de usuario non se poden eliminar por completo (aínda que normalmente si é posible eliminar a información da túa páxina de usuario se decides facelo). Isto débese a que as contribucións públicas deben estar asociadas ao seu autor (ou sexa, ti!). Así que mira de estar seguro de que elixes un nome de usuario para sentirte cómodo nos vindeiros anos.

Para comprender mellor a composición demográfica das persoas que usan os nosos webs, para traducir os nosos servizos e para saber como podemos melloralos, podemos pedirche máis información persoal, coma o xénero ou a idade. Nese caso habemos dicirche se a información está destinada a facerse pública ou se será privada, para que decidas se nola desexas proporcionar. Sempre será opcional que nos deas ou non esta información. Se non queres, non tes que dala; así de sinxelo.

Información verbo do uso que fas dos webs da Wikimedia

Queremos que os proxectos da Wikimedia sexan mellores para ti, e para iso necesitamos saber como os usas. Por exemplo, a frecuencia con que visitas os webs da Wikimedia, as cousas que che gustan, aqueloutras que che resultaron útiles, como chegas ata os webs da Wikimedia e se utilizarías máis a miúdo unha funcionalidade se cha explicásemos de maneira diferente. Tamén queremos que esta norma e o xeito de facermos as cousas reflictan os valores da nosa comunidade. Por iso gardamos de xeito confidencial a información relacionada co uso que fas dos proxectos da Wikimedia, agás nas circunstancias que se explican nesta norma.

Que información nos chega de xeito automático?

Por como funcionan os navegadores chégannos automaticamente algúns datos ao visitares os webs da Wikimedia. Estes datos inclúen o tipo de dispositivo que estás a utilizar (mesmo os números de identificación únicos do dispositivo no caso dalgunhas versións beta das nosas aplicacións móbiles), o tipo e a versión do teu navegador, a escolla de lingua do navegador ou o tipo e a versión do sistema operativo do dispositivo; nalgúns casos, o nome do teu provedor de internet ou da operadora de telefonía móbil, a web que te levou ata os webs de Wikimedia, as ligazóns que clicaches e as páxinas que visitaches, así como a data e hora de cada clic que fixeches nos webs dos proxectos da Wikimedia.

En poucas palabras, utilizamos esta información para mellorar a túa experiencia cos webs da Wikimedia. Por exemplo, usamos eses datos para xestionar os proxectos, para ofrecer unha maior seguridade e combater o vandalismo; para optimizar as aplicacións móbiles, para personalizar o contido e establecer escollas de lingua, para probar funcionalidades, para ver o que funciona e o que non e mellorar o rendemento; para entender como as persoas usuarias manexan os webs da Wikimedia, para rastrexar e estudar o uso das diversas funcionalidades, para comprender mellor as particularidades demográficas dos diferentes proxectos da Wikimedia e para analizar tendencias.

Que información recollemos?

Facemos por recoller algúns datos en concreto con tecnoloxías habituais. Estas técnicas inclúen xeralmente os píxeles de rastrexo, JavaScript e outras tecnoloxías diversas de "almacenaxe local de datos", coma rastros e a almacenaxe local. Somos conscientes de que algunhas destas tecnoloxías non son os mozos máis riquiños da aldea e que poden utilizarse para fins pouco nobles. Por iso queremos indicar o máis claro que se poida os motivos que nos levan a usar estes métodos e o tipo de información que recollemos con cada un deles.

En función da tecnoloxía que empreguemos, os datos almacenados localmente poden ser tanto texto, imaxes e artigos completos (como se explica máis adiante) como datos persoais (por exemplo, o teu enderezo IP) e información sobre como usas os webs da Wikimedia (por exemplo, o nome de usuario ou a hora en que nos visitas).

Utilizamos esta información para facer que a túa experiencia nos webs da Wikimedia sexa mellor e máis segura, para comprender mellor as preferencias das persoas usuarias e de como interaccionan coas webs da Wikimedia, así como para mellorar a calidade xeral dos nosos servizos. Nunca utilizaremos rastros de terceiros, agás que teñamos o teu permiso para facelo. Se algunha vez atopases unha ferramenta de obtención de datos persoais de terceiros que ti non a autorizases (por exemplo, se algún usuario ou administrador a colocou por erro), dínolo por favor no enderezo privacy@wikimedia.org.

Os datos almacenados localmente, o JavaScript e os píxeles de rastrexo serven para cousas como:

  • Ofrecerche unha experiencia personalizada, como por exemplo empregar rastros permítenos saber as túas escollas de lingua, ou lembrar as preferencias de usuario que estableciches e que así che poñamos unha aparencia adaptada ao que ti desexas, ou tamén nos permite pasarche recado de cousas e actos interesantes que organice Wikimedia na túa zona.
  • Ofrecerche contidos máis relevantes de xeito máis rápido. Por exemplo, podemos usar a almacenaxe local para gardar os artigos que fuches lendo ultimamente no teu dispositivo, directamente, para accederes a eles máis axiña. Ademais, podemos usar os rastros para saber qué temas procuras e así ofrecerche uns resultados máis aquelados.
  • Entender como empregas as webs da Wikimedia, para sabermos o que funciona e o que non, e o que é útil e o que non o é tanto. Por exemplo, podemos utilizar rastros para saber qué artigos estás vixiando e deste xeito facerche recomendacións de artigos semellantes nos que quizais teñas interese.
  • Entender como empregas os distintos webs da Wikimedia con diferentes dispositivos, para deste xeito conseguir que estes webs che sexan máis eficientes e eficaces.
  • Facer que os proxectos da Wikimedia sexan máis xeitosos; por exemplo, mediante rastros que che terman da sesión aberta cando accedes ao sistema ou para lembrarche o nome de usuario no formulario de rexistro.

Queres saber máis aínda? Podes ler máis acerca dalgúns dos rastros específicos que empregamos, cando caducan e para que os utilizamos nas preguntas frecuentes.

Coidamos que esta colleita de datos axuda a mellorar a túa experiencia de usuario, pero podes eliminar ou desactivar todos ou algúns destes datos que se almacenan localmente mediante a configuración do navegador. Podes atopar máis información sobre algunhas das opcións que tes nas preguntas frecuentes. Malia que os datos almacenados localmente non teñen por que ser necesarios para utilizar os nosos webs, quizais algunhas funcionalidades non traballen correctamente se eliminas ou desactivas os datos que se almacenan localmente.

Como estamos vendo, algúns datos teus que apañan as ferramentas de recolección de datos gárdanse de maneira confidencial (os dos exemplos sinalados anteriormente, por exemplo). Non obstante, debes ter en conta que determinadas informacións sobre o que fas baixo o teu nome de usuario quedan á vista de todo o mundo en rexistros públicos, do mesmo xeito ca outras accións que fan outros usuarios. Por exemplo, pode ser que un destes rexistros públicos inclúa a data en que creaches a conta nun dos webs da Wikimedia, incluía no medio dun conxunto de datas de creación de contas nese web. A información que está dispoñible nos rexistros públicos de acceso non inclúe datos persoais sobre ti.

Correos electrónicos

Se queres, podes dar un correo electrónico ao te rexistrares nos webs da Wikimedia, ou podes engadilo noutro momento que desexes. Se o fas, será confidencial agás nas circunstancias sinaladas nesta norma. Non vendemos, alugamos ou empregamos o teu correo para que terceiros che manden anuncios de produtos ou servizos.

Usamos o teu correo electrónico para avisarte de que está a pasar na Fundación, nos webs da Wikimedia e mais no movemento Wikimendia. Por exemplo, comunicarche cousas importantes que afecten a túa conta, darche recado de que hai cambios nos webs da Wikimedia ou nas súas normas, ou avisarche de que mudou algo nun artigo que decidiches vixiar. Ten en conta de que se nos escribes un correo, pode que gardemos a túa mensaxe, enderezo de correo e calquera outra información que nos deas para poder xestionar o teu correo e darche unha resposta ao que nos envías.

Podes escoller que haxa un límite a ese tipo de mensaxe, como as que che mandan recado se un artigo muda. A outras mensaxes, como as que conteñen información vital que todas as persoas usuarias teñen que saber para participar plenamente nos webs da Wikipedia, quizais non lle poidas dicir que non. Podes xestionar que tipo de avisos recibes e cada canto os recibes nas túas Preferencias de avisos. Podes coñecer máis sobre o correo electrónico e os avisos, e sobre como mudar as preferencias, nas nosas preguntas frecuentes.

Nunca che pediremos o contrasinal por correo electrónico (mais podemos enviarche un contrasinal temporal a través do correo electrónico se pediches mudalo). Se algunha vez che cadra de recibir un correo electrónico que che pida o contrasinal, cóntanolo, por favor, nun correo electrónico a privacy@wikimedia.org, para que poidamos investigar a orixe desa mensaxe.

A comunicación directa entre persoas usuarias (como as mensaxes que se mandan a través da opción de "Escríbelle un correo electrónico a este usuario/a"), miramos de que sexa confidencial (agás polo que se sinala nesta norma) dado que esas mensaxes non son públicas mais si se almacenan ou circulan polos sistemas da Fundación Wikimedia.

Enquisas e opinións

A participación en enquisas opcionais, ou dándonos a túa opinión sobre algo, axúdanos a facer que os webs da Wikimedia sexan mellores. Dado que as enquisas e as preguntas directas que che fagamos poden usarse para distintos propósitos, habémosche dicir, cando che mandemos a enquisa ou cando che preguntemos o que sexa, como pensamos usar as túas respostas e mais os datos persoais que nos deas. Se non che parece ben para que imos usar as respostas ou os resultados da enquisa, non tes por que participar.

Información sobre localización

GPS e outras tecnoloxías de localización

Algunhas das funcionalidades que ofrecemos traballan mellor se sabemos en que parte do planeta estás. Pero depende de ti, e só de ti, que usemos ferramentas de xeolocalización para presentarche algunhas funcionalidades. Se che parece ben, podemos usar GPS (e outras tecnoloxías que adoito se empregan para averiguar posicións) para presentarche contido que sexa máis relevante para ti. A información que obtemos con estas tecnoloxías é confidencial, agás nas circunstancias mencionadas nesta norma. Podes saber máis sobre isto se lle botas un ollo á lista de exemplos de como empregamos estas tecnoloxías na sección de preguntas frecuentes.

Os metadatos

Ás veces recibimos automaticamente do teu trebello información sobre onde te atopas. Por exemplo, se publicas unha foto coa app para móbiles de Wikimedia Commons, pode que recibamos metadatos do teu dispositivo, como o lugar e a hora en que tiraches a foto, de xeito automático. Ten en conta por favor que, a diferenza da información de posición que apañamos a través dos sinais GPS que acabamos de mencionar, a configuración por defecto do teu trebello móbil a miúdo fai que os metadatos que veñen asociados á imaxe se inclúan na publicación nos webs da Wikimedia. Se non queres que nos cheguen os metadatos das imaxes e que se publiquen a canda elas, muda por favor a configuración no teu dispositivo.

Os enderezos IP

Por último, cando visitas calquera dos webs da Wikimedia, chéganos automaticamente o enderezo IP do dispositivo (ou do servidor proxy) que esteas a empregar para accederes á internet; esta información pode usarse para deducir a túa localización xeográfica. Gardamos os datos dos IPs de xeito confidencial, agás nos casos que se explican nesta norma. Por exemplo, se fas unha corrección nos nosos webs sen acceder coa túa conta, o IP que esteas a usar nese momento quedará gravado e á vista para sempre. Se estás a visitar os webs da Wikimedia co teu trebello móbil pode que usemos o teu enderezo IP para proporcionarlles aos provedores de servizos información agrupada, ou desprovista de datos identificadores, sobre o volume de uso de determinadas zonas. Usamos os enderezos IP para propósitos de investigación e estatísticos, para presentarche contidos, avisos e configuracións que sexan máis aqueladas para ti, para combater o correo non desexado, a suplantación de identidades, o software pernicioso e outros tipos de abuso, e para ofrecerche mellores aplicacións móbiles e doutros tipos.

Divulgación

Cando pode ser que divulguemos os teus datos?

Co teu permiso

Pode que divulguemos os teus datos cunha finalidade concreta, se a ti che parece ben. Podes atopar máis información na lista de exemplos da sección de preguntas frecuentes.

Gardaremos, revelaremos e/ou accederemos aos teus datos persoais se cremos que cómpre facelo para obedecer un requirimento, unha citación, unha orde dos xulgados, unha lei ou un regulamento, ou calquera orde xudicial ou administrativa que sexa legalmente válida e conforme a dereito. Con todo, se cremos que unha petición concreta para revelar información dun usuario non é legalmente válida ou é un abuso do sistema legal, e o usuario ou usuaria afectada non pretende oporse persoalmente a esa divulgación, faremos o que poidamos para sermos nós os que nos opoñamos a ela. Comprometémonos a notificarche por correo electrónico no prazo de dez (10) días naturais, cando sexa posible, antes de divulgar os teus datos persoais en resposta a unha solicitude legal. Non obstante, só podemos darche aviso se temos o teu correo electrónico, se non nos prohibiron legalmente poñernos en contacto contigo, e se ao facelo non creamos ou aumentamos un risco real para a túa persoa.

Ningunha disposición desta norma de protección de datos está destinada a limitar as proteccións legais ou os recursos que poidas presentar ante as solicitudes de terceiros (sexan civís, penais ou administrativas) para que lles revelemos os teus datos. Recomendámosche que procures asesoramento legal inmediatamente se te ves involucrado nunha solicitude nese sentido.

Para máis información, consulta a nosa páxina de respostas sobre requirimentos.

Se a nosa organización cambia de mans (algo moi pouco probable!)

No caso moi, pero que moi improbable de que muden os propietarios de toda ou dunha parte substancial da Fundación, ou de que nos vexamos abocados a unha restruturación (como unha fusión, unha concentración ou unha adquisición), conservaremos os teus datos persoais de xeito confidencial, agás nas circunstancias que se explican neste regulamento, deixarémosche aviso nos webs da Wikimedia e mandarémosche unha mensaxe comunicándocho en WikimediaAnnounce-L ou nunha listaxe de distribución semellante polo menos trinta (30) días naturais antes de transferir datos persoais ningúns, ou de que estes queden rexidos por unha norma nova e distinta de protección de datos.

Para protexerte a ti, a nosoutros e os demais

Nosoutros, ou aqueles usuarios que gocen de determinados permisos de administración (que se describen aí embaixo), poden ter que usar e compartir os teus datos persoais se razoablemente cremos que é necesario para combater ou investigar posibles infraccións dos nosos termos de uso, desta norma de protección de datos ou de calquera norma da Fundación Wikimedia ou das normas das comunidades de usuarios. Quizais tamén necesitemos acceder e compartir datos persoais para investigar e defendernos de ameazas ou accións legais que veñan contra nós.

Os webs da Wikimedia son colaborativos, e son as persoas usuarias as autoras da maioría das normas polas que se rexen e as que elixen, de entre elas, as que van contar con determinados permisos de administración. Estes permisos poden incluír o acceso a unha cantidade limitada de información non pública sobre as contribucións recentes e a actividade doutros usuarios. Estes usuarios con permisos especiais empregan este acceso privilexiado aos datos para axudar na protección contra o vandalismo e os abusos, para combater o acoso a outras persoas usuarias e, xeralmente, para minimizar o comportamento disruptivo nos proxectos da Wikimedia. Estes grupos de persoas administradoras escolleitas polos demais usuarios teñen as súas propias normas de protección de datos e de confidencialidade, pero deben comprometerse a cumprir a nosa norma de acceso á información non pública. Estes grupos de persoas administradoras escolleitas polo resto de usuarios son responsables ante os demais a través dun sistema de transparencia e contrapesos: as persoas elíxense mediante un proceso guiado pola comunidade e o seu labor supervísano os seus compañeiros a través dun repositorio histórico que rexistra todas as súas accións. Porén, a Fundación Wikimedia non coñece os nomes legais destas persoas usuarias.

Agardamos que isto nunca chegue a pasar, pero podemos revelar os teus datos persoais se cremos que é razoablemente necesario para previr un grave e inminente dano físico a unha persoa (mesmo a morte), ou para protexer a nosa organización, o cadro de empregados, as empresas contratadas, os usuarios ou o público xeral. Tamén podemos revelar os teus datos persoais se cremos que é razoablemente necesario para detectar, impedir ou avaliar e tratar o correo non desexado, o software pernicioso, a fraude, abusos, actividades ilegais e problemas de seguranza ou técnicos. Se queres máis información sobre isto, consulta a listaxe de exemplos nas preguntas frecuentes.

Aos nosos provedores de servizos

Por moito que fagamos, nunca imos dar feito todo. Usamos provedores de servizos externos ou empresas subcontratadas para axudar no funcionamento ou mellora dos webs da Wikimedia para ti e os demais usuarios. Pode que lles deamos acceso aos teus datos persoais a estes provedores externos na medida en que lles cómpren para nos prestaren os servizos ou para usaren as súas ferramentas e servizos. Implementamos unha serie de requisitos, como acordos de confidencialidade, para garantir que estes provedores de servizos tratan os teus datos de xeito coherente cos principios desta norma, e nunca de maneira menos garantista ca esta norma. Se queres saber máis, por favor, consulta as preguntas frecuentes.

Para comprender e experimentar

O software de código aberto que malla por baixo dos proxectos de Wikimedia depende da colaboración de desenvolvedores de software voluntarios, que botan o tempo escribindo e probando código para axudarnos a mellorar e evoluír canda as necesidades dos usuarios. Para facilitarlles o traballo, pode que lles deamos a algúns desenvolvedores acceso limitado aos sistemas que conteñen os teus datos persoais, pero só na medida en que sexa razoablemente necesario para desenvolveren e contribuíren aos proxectos da Wikimedia.

Do mesmo xeito, quizais compartamos datos agregados ou non individualizados con investigadores, docentes, académicos e outras persoas e entidades interesadas ​​que desexen estudar os proxectos de Wikimedia. Divulgarmos estes datos axúdalles a entender o uso, a visualización, e os padróns e estatísticas demográficas. Estas persoas poden compartir os seus achados connosco e coas persoas usuarias dos nosos proxectos para que todos poidamos entender mellor e mellorar os webs da Wikimedia.

Cando lles damos acceso aos datos persoais a desenvolvedores ou investigadores externos establecemos unha serie de requisitos, como salvagardas técnicas e contractuais axeitadas, co fin de asegurarmos que estes provedores de servizos tratan os teus datos conforme os principios recollidos nesta norma e de acordo ás nosas instrucións. Se estes desenvolvedores ou investigadores acaban por publicar o seu traballo ou as conclusións a que chegaron, pedímoslles que non inclúan os teus datos persoais. Ten en conta que, a pesar das condicións que lles impoñemos aos desenvolvedores e investigadores, non podemos garantir que cumpran o acordado, nin tampouco que vaiamos revisar ou monitorizar con regularidade os seus proxectos. Podes saber máis sobre a re-identificación nas preguntas frecuentes.

Porque o publicaches ti

Todos os contidos que publiques nos proxectos de Wikimedia son iso: públicos. Por exemplo, se publicas o enderezo da casa na túa páxina de conversa, ese é un dato público e non está protexido por este regulamento. E se editas sen rexistrarte ou sen acceder coa túa conta, o teu enderezo IP quedará gardado de xeito público. Por favor, cavila ben no nivel de anonimato que desexas ter antes de revelar información persoal na páxina de usuario ou en ningures.

Protección

Como protexemos os teus datos?

Esforzámonos en protexer os teus datos persoais para que non haxa accesos, usos ou divulgacións non autorizados. Así, tomamos diversas medidas físicas e técnicas, e creamos normas e procedementos (como sistemas de control de acceso, devasas de rede e mais técnicas de seguridade física) destinadas a protexer os nosos sistemas e os teus datos persoais. Desafortunadamente, nunca hai seguranza total cando estamos a falar de transmitir ou almacenar datos, e por iso non podemos garantir que a nosa seguridade non se vexa comprometida (tanto mediante accións técnicas como logo da violación das nosas normas e procedementos).

Durante canto tempo che gardamos os datos?

Ao que recibimos os teus datos persoais, gardámolos e conservámolos durante o menor tempo posible que nos permita manter, entender e mellorar os proxectos de Wikimedia, e mais cumprir as nosas obrigas coa lei dos Estados Unidos. A información non persoal pode gardarse indefinidamente, se se cre axeitado. Consulta a lista de exemplos nas nosas preguntas frecuentes.

Por favor, lembra que algúns datos, coma o teu enderezo IP (se editas sen acceder cunha conta rexistrada) ou todas as edicións públicas nos webs da Wikimedia, gárdanse e quedan á vista para sempre.

Información importante

Para protexer a Fundación Wikimedia e as demais persoas usuarias, se non estás de acordo con esta norma de protección de datos non debes usar os webs da Wikimedia.

Onde se atopa a Fundación e iso que consecuencias ten para min?

A Fundación Wikimedia é unha organización sen fin de lucro con sé en San Francisco (California), cos seus servidores e centros de datos situados nos Estados Unidos de América. Se decides empregar os proxectos da Wikimedia, xa sexa dentro ou fóra dos Estados Unidos, estás de acordo en que os teus datos persoais se che recollan, transfiran, garden, procesen, divulguen e que se lles deaán outros usos nos Estados Unidos, conforme o que se sinala nesta norma de protección de datos. Tamén concordas con que lles transfiramos os teus datos desde os Estados Unidos a outros países, onde pode que existan leis de protección de datos diferentes ou menos rigorosas cás que hai no teu país, en relación cos servizos que che proporcionamos.

A nosa resposta aos marcadores de "Non me rastrexes" (DNT ou Do Not Track)

Temos un firme compromiso de non compartir os teus datos con terceiros. En concreto, non permitimos que che rastrexen webs de terceiros que non visitaches (incluídos servizos de análise estatística, plataformas de publicidade e redes sociais), nin lles pasamos os teus datos a terceiros con finalidade comercial. Con arranxo a esta norma pode que compartamos os teus datos só en circunstancias moi concretas, sobre as que podes saber máis na sección “Cando divulgamos os teus datos” desta norma de protección de datos.

Dado que protexemos a todos os usuarios desta forma, non mudamos o noso comportamento en resposta aos marcadores de "non me rastrexes" (DNT ou Do Not Track) dun navegador web.

Para obter máis información sobre os marcadores de "non me rastrexes" (Do Not Track) e sobre que facemos con eles, visita por favor as nosas preguntas frecuentes.

Modificacións desta norma de protección de datos

Dado que as cousas van mudando de forma natural co paso do tempo e que queremos asegurarnos de que a nosa norma de protección de datos reflicte de forma precisa o noso xeito de facer as cousas e mais a lei, pode que cumpra modificar esta norma de protección de datos de cando en cando. Reservámonos o dereito de facelo da seguinte forma:

  • Cando se trate de mudanzas substanciais, pasarémoslles os cambios propostos aos nosos usuarios en polo menos (3) linguas (que elixiremos nós) para un período de debate público que durará polo menos (30) días naturais. Antes de comezar este período, informaremos dos cambios e darase a oportunidade de debatelos nos webs de Wikimedia, e cun aviso na lista de correo WikimediaAnnounce-L ou noutra semellante.
  • Para facer pequenas modificacións, como correccións gramaticais, cambios administrativos ou legais ou para aclarar aspectos que non estean correctamente descritos, daremos aviso e un prazo, cando sexa posible, de polo menos tres (3) días naturais a través de WikimediaAnnounce-L ou dunha lista de correo semellante.

Pedímosche que revises a versión máis recente da nosa norma de protección de datos. Que sigas a usar os webs da Wikimedia despois da data de entrada en vigor desta norma significa que a aceptas. Que sigas a usar os webs da Wikimedia despois da data de entrada en vigor de calquera versión posterior desta norma, logo de recibires un aviso coma os mencionados antes, significa que aceptas esa versión da norma de protección de datos.

Contacta connosco

Se tes dúbidas ou suxestións sobre esta norma de protección de datos ou sobre os datos persoais que recollemos con arranxo a esta norma de protección de datos, por favor, envíanos un correo electrónico a privacy@wikimedia.org ou contacta connosco directamente.

Grazas!

Grazas por ler a nosa norma de protección de datos. Esperamos que o pases ben usando os webs da Wikimedia e aprezamos a túa participación creando, mantendo e traballando constantemente para mellorar o maior repositorio de información libre do mundo.

Por favor, ten en conta que, no caso de que houbese algunha discrepancia de significado ou de interpretación entre a versión orixinal en inglés desta norma de protección de datos e a tradución ao galego, a que prevalece é a versión orixinal en inglés.

Páxinas relacionadas coa protección de datos